Evaluation and optimization of Big Data Processing on High Performance Computing Systems

Jorge Veiga · RUC (Universidade Da Coruña) · 2018

[Resumo] Hoxe en día, moitas organizacións empregan tecnoloxías Big Data para extraer información de grandes volumes de datos. A medida que o tamaño destes volumes crece, satisfacer as demandas de rendemento das aplicacións de procesamento de datos masivos faise máis difícil. Esta Tese céntrase en avaliar e optimizar estas aplicacións, presentando dúas novas ferramentas chamadas BDEv e Flame-MR. Por unha banda, BDEv analiza o comportamento de frameworks de procesamento Big Data como Hadoop, Spark e Flink, moi populares na actualidade. BDEv xestiona a súa configuración e despregamento, xerando os conxuntos de datos de entrada e executando cargas de traballo previamente elixidas polo usuario. Durante cada execución, BDEv extrae diversas métricas de avaliación que inclúen rendemento, uso de recursos, eficiencia enerxética e comportamento a nivel de microarquitectura. Doutra banda, Flame-MR permite optimizar o rendemento de aplicacións Hadoop MapReduce. En xeral, o seu deseño baséase nunha arquitectura dirixida por eventos capaz de mellorar a eficiencia dos recursos do sistema mediante o solapamento da computación coas comunicacións. Ademais de reducir o número de copias en memoria que presenta Hadoop, emprega algoritmos eficientes para ordenar e mesturar os datos. Flame-MR substitúe o motor de procesamento de datos MapReduce de xeito totalmente transparente, polo que non é necesario modificar o código de aplicacións xa existentes. A mellora de rendemento de Flame-MR foi avaliada de maneira exhaustiva en sistemas clúster e cloud, executando tanto benchmarks estándar coma aplicacións pertencentes a casos de uso reais. Os resultados amosan unha redución de entre un 40% e un 90% do tempo de execución das aplicacións. Esta Tese proporciona aos usuarios e desenvolvedores de Big Data dúas potentes ferramentas para analizar e comprender o comportamento de frameworks de procesamento de datos e reducir o tempo de execución das aplicacións sen necesidade de contar con coñecemento experto para elo.

Read the paper · More papers on PaperTik